Friday 29 de March de 2024

O alcalde de Touro solicita ao novo delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, apoio para rematar a senda peatonal da AC-240 e investimento para o CPI Fonte Díaz e para saneamento nas parroquias


O alcalde de Touro, Ignacio Codesido, recibiu esta mañán na sede do Concello ao novo delegado da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro. Trátase da primeira visita institucional ao Concello de Touro dende que tomou posesión. Codesido e Rodeiro, así como outros membros da corporación municipal, mantiveron unha xuntanza na que repasaron os proxectos da Xunta que actualmente están en marcha. O alcalde aproveitou para solicitarlle ao delegado da Xunta apoio para rematar a senda peatonal da AC-240 e investimentos para o CPI Fonte Díaz e para saneamento nas parroquias.
Actualmente está en marcha o proxecto para dotar a AC-240, una vía que atravesa o Concello, dunha senda peatonal no tramo que vai dende Fonte Díaz ata o Empalme de Vilar. A Xunta inviste uns 500.000 euros neste proxecto, no que está pendiente de rematar un tramo de arredor de 500 metros. O alcalde de Touro solicitoulle ao delegado apoio para completar esta obra, cunha lonxitude total duns seis kilómetros. O tramo que resta por finalizar sitúase en Prevediños. Toda esta obra elimina puntos perigosos da circulación de vehículos e facilita o tránsito de peatóns e a mobilidade dos veciños e veciñas.
O alcalde de Touro tamén aproveitou a visita de Ovidio Rodeiro para lembrarlle que está pendiente un investimento para renovar o solo do pavillón de deportes do CPI Fonte Díaz. O investimento necesario para acometer esta obra estímase nuns 40.000 euros. O delegado tomou nota das demandas do alcalde, entre as que tamén están o apoio para continuar cos traballos de saneamento nas parroquias. Ata o de agora os investimentos acometidos neste eido en Touro correron de parte do Concello.
No repaso que fixeron os dous dirixentes tamén abordaron o medio ambiente. Touro ten especial sensibilidade polo cuidado do seu entorno natural, un dos atractivos principais para os veciños e tamén para os forasteiros. Codesido e Rodeiro tamén trataron temas de promoción do emprego e accións para fomentar os contratos laborais e para buscar saídas aos desempregados do Concello de Touro. En materia de educación, o alcalde de Touro solicitou apoio ao delegado da Xunta para financiar as actividades extraescolares dos alumnos e alumnas do CPI Fonte Díaz.
Ignacio Codesido deu a benvida a Ovidio Rodeiro e desexoulle éxitos no seu traballo. O novo delegado da Xunta prometeu traballo no seu novo cometido. “Quero que as primeiras visitas sexan nos concellos da comarca”, dixo. Apuntou que a visita pretendía coñecer e repasar os asuntos de interese que ten a Xunta en marcha no Concello e axilizar os temas pendentes. “Haberá unha comunicación fluida e fácil”, dixo Ovidio Rodeiro, quen ofreceu todo o seu apoio ao alcalde de Touro. “Toca traballar e con traballo seguro que acertaremos”, dixo.